28 may 2011

2011, ANO INTERNACIONAL DOS BOSQUES

"Os bosques preceden ás civilizacións, os desertos as seguen".

René de Chateoubriand.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 2011 como o Ano Internacional dos Bosques para concienciar á sociedade dos problemas que sofren os recursos forestais de todo o planeta e frear o seu deterioro.

O Xograr transformouse nun inmenso bosque de fotografías e carteis. Ademais, algúns alumnos realizaron presentacións sobre Bosques de Galicia e do mundo.

10 may 2011

"O NOSO LUGAR NO UNIVERSO"

"Todos somos po de estrelas".

Carl Sagan (Astrónomo, exobiólogo e divulgador científico.

EEUU, 1934-1996)

Unha das preguntas fundamentais que sempre nos temos feito os seres humanos é de onde vimos. Cal é a nosa orixe? De onde procede todo?

A ciencia mostrounos o noso lugar, na periferia do Universo. Contrariamente ao que se pensou durante moito tempo, non somos o centro da creación, senón un accidente que moi ben podería non ter acontecido nunca. Pero un accidente moi especial.

A ciencia revelounos que o Universo, aínda que inmensamente vello, non existe dende sempre, senón que se orixinou hai 13.700 millóns de anos. Pero ese momento orixinal non o creou todo de golpe, senón que o foi creando posteriormente como produto do seu desenvolvemento.

Resulta difícil de concibir, pero o 99,99% da historia do Universo transcorreu sen os seres humanos. Hai moi pouco, e nun minúsculo recuncho dun Universo inconcibiblemente grande, fixemos acto de presenza. E, ata cando? Continuará a historia do Universo sen nos? O, quizais, será a exploración espacial que comezamos recentemente o primeiro paso da nosa expansión pola Galaxia?